Lois Caeiro

Categoría: Recensión

Non hai entre nós, penso, tradición de literatura memorialística nin tan siquera de contar desde a propia óptica personal experiencia ás que se asistiu como protagonista ou como obervador. Xa só por contribuir a romper esa barreira de carencia testimonial é importante este libro de Ceferino Díaz, referido ós días do "aldraxe", á longa e dificultosa negociación do Estatuto de Autonomía para Galicia. Pero fundamentalmente é importante este libro por canto se ocupa dun dos acontecimentos realmente histórico de Galicia, a negociación e aprobación do Estatuto de Autonomía e a súa posta en marcha, nun contexto sociopolítico onde o interese pola autonomía do país era máis ben morno, e aí están os datos da baixísima participación no referendum, e onde as posición do activismo político situábanse na negación da vía autonómica, no rexionalismo como pecado venial, na indiferencia. Hai nese proceso un papel de determinados axentes políticos e sociais que explican o que sucedeu, a mesma explosión na rúa, frente ó dominio da indiferencia e da negación. Ceferino Díaz desde o PSOE é un deles; é persona clave para que o proceso chegara a bó termo e mesmo é persona clave, desde a oposición socialista no primeiro Parlamento de Galicia, para que a autonomía se fora enchendo de contido, fora penetrando no tecido da sociedade galega e para que, en definitiva, se dignificase e lexitimase na práctica. Todo isto, saberse partícipe e facerse partícipe dun obxetivo para o país por enriba das oportunidades-intereses de partido e persoais, tivo custes políticos para o futuro de Ceferino Díaz. Un exemplo de honestidade política e cívica. Por eso coido que merece o recoñecimento de todos. Na presentación do libro que se fixo en Lugo, como cidadán galego e como periodista que viveu aqueles anos quixen que a miña intervención fora dalgún xeito homenaxe a este político porque ademais un empeza a estar farto de ver autoproclamas dalgúns como grandes salvadores do Estatuto, como desinteresados servidores de Galicia, e ata eles mesmos se achegan sen vergonza ó medalleiro, cando un non lles recorda daqueles días ningunha gran batalla salvo algún momento oportuno que eles ou algún cronista solidario vai convertindo en épico combate.

Quérese dicir que un entende que está sin contar, ou sin facer, ata onde un coñece, a historia do proceso autonómico galego. Diría que ata este libro de Ceferino Díaz había visións parciais do longo proceso, dalgunha das súas etapas ou visións feitas desde a posición dalgún dos protagonistas políticos. Son olladas parciais, absolutamente lexítimas, que probablemente tampouco pretendían outra cousa. Caetano Díaz e mais eu seremos xa dos contados periodistas que quedan vivos ou en activo que asistimos a todo aquel proceso en Madrid e en Galicia. Digo todo o proceso en Galicia e Madrid. Ese dato de ser testigos periodísticos directos algunha autoridades nos debera dar para valorar desde só desde o observatorio xornalísitco. Tampouco é pouco observatorio. Ceferino Díaz fixo un traballo inmenso de recollida de datos e de documentación de feitos. Nada hai en canto a acontecimentos que non se sustente en datos. E hai ademais aportacións de documentación que debe ser a primeira vez que ven a luz. Por exemplo as actas das famosas negociacións do Hostal, na recta final. Estamos, pois ante un traballo documentado, de investigación e sen concesións autobiográficas que ben podería facer.

É un libro certamente que sitúa ó PSOE, ós socialistas de Galicia en particular, nunha posición moi favorable no proceso autonómico. Un traballo que desde esa aportación documental resitúa ó socialismo galego en clave autonomista e como un dos artífices de que Galicia conte con un Estatuto non vergonzante tras os intentos de rebaixa impostos en Madrid -pasadas as asignaturas de Cataluña e o País Vasco- e que contaron co silencio consentidor de moitos representantes galegos. Ou non? O libro de Ceferino é útil para a historia e para a imaxe do PSOE en Galicia. Ceferino certamente é home de partido e por eso se explica a súa traxectoria silenciosa despois de ser un puntal fundamental dos socialistas galegos naqueles anos pero, dito iso, o libro non é partidista e ata habería que admitir a necesidade de que se lea amodiño para situar a cada quen no seu sitio. Poidera suceder que a fama non se corresponda coa realidade. Non é dato menor, por exemplo, o que se conta do comportamento dos nacionalismos periféricos á hora das votacións na Comisión. Ceferino reivindica con datos o papel protagonista e imprescindible do seu Grupo no logro do Estatuto e frente ó aldraxe. Ten razón, ainda que Guerra tivera pactada a rebaixa con UCD. Tampouco era AP, precisamente, ningunha defensora da autonomía, UCD era unha grilleira e tamén nos centristas galegos; e outros, como o PCG, non tiñan representación ou situáranse ademais á marxe do "estatuto de cartón".

O libro de Ceferino Díaz é de obrigada lectura para quen hoxe se encontra coa autonomía galega e descoñece aquel complicado proceso, porque non o viveu por razóns de edade. É de obrigada lectura para quen participou ou para quen seguimos aquel ir e vir con paradas de reloxio incluidas, para agora reflexionar con xeito e para situar a cada quen no lugar que lle corresponde no medalleiro.

Repetirei unha petición que lle fixen en público a Ceferino: un libro de memorias , da súa visión persoal, do seu vivir daqueles anos da transición, do proceso autonómico e dos primeiros andares da autonomía. Penso que será útil e interesante para cando se escriba a historia co distanciamente necesario. Penso que o merece o país.

Comparte nas túas redes sociais ou por email