Xesús Fraga

Categoría: Recensión

O xogo da perspectiva

De entre os moitos escritores que gusto dos seus libros, cos que o mellor o paso son aqueles que introducen o xogo dentro da súa literatura. Trátase dun elemento lúdico que pode adoptar facianas moi variadas: o humor, a subversión dos códigos ou unha volta de torca á tradición. O relato como enigma. A novela como unha arquitectura máxica, onde cada peza desempeña unha función e outra agochada á vez, como neses cadros de Escher no que un corredor pode desembocar nunha fervenza ou unha xanela pode ser porta e muro a un tempo. Deste xogo de perspectivas participa O castelo branco, a novela coa que o turco Orhan Pamuk (Istambul, 1952) se deu a coñecer no panorama literario internacional. Aquí está, na superficie, unha historia de aventuras: no século XVII un mozo italiano que cae prisioneiro de piratas turcos e aterra na mesma cadea que coñeceu tempo atrás un escritor español que, casualidades, era manco (non é a única chiscadela a Cervantes: O castelo branco está concibido coa fórmula do manuscrito atopado; outro divertimento literario máis). No seu cativerio, o noso protagonista alivia a súa situación grazas aos seus coñecementos de medicina e astroloxía, unha sabedoría que tamén lle ha gañar certa reputación que o pon en contacto cos poderosos do país: rexentes e inventores. Cun destes últimos traba amizade e desenvolve unha relación curiosa á que non é allea outro xogo de letras: o dos espellos). Así, O castelo branco pódese ler como unha novela de aventuras, igual que O nome da rosa pode tomarse en esencia como xénero detectivesco; pero igual que o éxito de Umberto Eco contén un mundo dentro doutro mundo, a fabulación de Pamuk agocha moitos outros temas: o valor dos coñecementos, a identidade propia e como a perciben os demais, a dualidade Occidente-Oriente e, máis importante, o dobre ou doppelgänger, ese espello que nos interroga sobre nós mesmos e que nos amosa perfís inéditos. O castelo branco é todo isto e máis, ademais de proporcionar a base sobre a que debe asentarse toda relación entre escritor e lector: o pracer da lectura.

Comparte nas túas redes sociais ou por email