Xabier Cid

Categoría: Recensión

De Tony Blair a Harry Potter

Edimburgo é capital cultural de Escocia e de Europa. Os seus altos edificios, concentrados no espazo reducido que arrodea o castelo, sorprenderon xa no século XVII os ollos do viaxeiro Daniel Defoe. Na que el chamou a "cidade dos rañaceos", a poucos metros das casas do filósofo David Hume e do inventor de tradicións Walter Scott, nun café tranquilo e moderadamente bohemio, o Nicolson’s, comezou J.K. Rowling a escribir a serie de Harry Potter. Uns cantos anos despois, cando ela xa non escribe nos cafés senón nun elegante pazo levantado no barrio dos escritores (se alguén lle viñese pedir azucre sería Ian Rankin ou Alexander McCall Smith), péchase en galego a serie con Harry Potter e as reliquias da morte.

Se un toma un pequeno almorzo con haggis no Nicolson’s podería pensar que Harry Potter é unha novela escocesa. En realidade, é unha novela británica, superbritánica, metáfora dun país en simultánea creación e decadencia. Non falo dos elementos tipistas, das comidas amargas, dos deportes bizarros, non falo da presenza da vida salvaxe nas cidades, nin dos colexios maiores herdeiros dunha tradición literaria de colexios maiores e pícaros en gravata. Falo de política, de construción nacional.

Harry Potter é un agudísimo retrato do Reino Unido do blairismo, disfrazado, iso si, de divertimento máxico, de fábula sobre o ben e o mal, como polo demais todas as grandes novelas. O peso ideolóxico é máis intenso a cada volume: o poder político revélase contraditorio, moitas veces corrupto, pero sobre todo vaidoso, dominado por conxuros que lle subverten a conciencia; un poder no que resulta difícil confiar, pero ao mesmo tempo representante dos valores democráticos da sociedade. Unha comunidade cidadá en estado de permanente desconfianza: non é iso o legado de Blair?

Nesa sociedade británica que ten como ídolo ao boxeador Amir Khan e que cre que o prato nacional é o polo tikka masala o multiculturalismo é algo máis cá unha palabra va. A tensión está a flor de pel e as trincheiras son difusas. A oposición étnica entre meigos e muggles participa de todos os complexos matices que agora mesmo pasean por exemplo pola Moor Street de Birmingham.

Tamén en Harry Potter e as reliquias da morte está a acción, a literatura, esa vella señora que levamos anos recoñecendo aquí e acolá. Cando pasemos a páxina 630 da edición de Galaxia saberémonos culminadores dun feito cultural chave do mundo contemporáneo; á luz dos seus apócrifos e imitadores, á luz do efecto catártico sobre o hábito lector de tantos millóns de persoas, seguirá sendo un referente por décadas. No sofá de casa, na cama coa parella, no tren, estaremos reproducindo tamén nós en galego un acto histórico.

Comparte nas túas redes sociais ou por email