Ana Salgado

Categoría: Recensión

Non hai espectros na ficción política. Avisa a cita inicial. O Manifesto Cyborg e a necesidade de tomar as cousas en serio para cagarse en (case todo) dios en prosa. Hai sentido do humor que non humor na novela de Alberto Lema. Final incerto. A derrota, nunca fermosa, constante no seu poemario en Estaleiro Editora , Plan de Fuga, malia a arenga para sermos "o cancro na pel do cancro".

Tampouco en tempo unha novela que abale así da hiperconsciencia á candidez. Sen chisca de lirismo que non teña a canda si a contundencia violenta dos corpos. Falamos da consciencia de que é a ficción un dos principais mecanismos opresivos do capital, das cancións pop aos faladoiros que botan na televisión ás 11 da noite. Só desde ela se pode meter un (termo marcado) na lea de armar un thriller antipatriarcal, ou cousa así.

Botando man dalgúns dos motivos adoitos: policía, políticos ocupados a tempo completo en alindar os media, narcos e bares. Unha liña que a nada que nos despistemos nos leva de volta aos 80, aquilo da novela de xénero. Nada que ver, madia leva. Se acaso é Els Bri quen fai parte da xenealoxía das dúas protagonistas.

A preeminencia do diálogo e a súa concisión, tamén a pegada cinematográfica, están para compor unha novela en que os cambios na modalización non se marcan tipograficamente, para dicirnos que todo estilo é directo.

Non hai necesidade de deconstruír o suxeito masculino, coma quen di deconstrúese aquí pola súa man, con dz ou o libro do esperma compartindo plano, contra a insuficiencia do real, coa voz de quen á fin parece detestar a ficción pero non quere escribir un ensaio. Nin en por si nin para poder falar de Judith Butler versus Slavoj Zizec. Si poñernos diante que a dominación patriarcal non se entende illada do seu tempo e lugar, da historia de toda sociedade, Marx, volta o título.

O político é persoal.

Comparte nas túas redes sociais ou por email