En As palabras da néboa Francisco Castro sitúanos, cun orixinal prantexamento, nun pasado histórico que nos toca de cheo. O escritor crea un universo literario na Galiza feudal do século XVI, coas revoltas irmandiñas como pano de fondo, e cunha habelencia narrativa sorprendente cativa ao lector dende o inicio mergullándonos nun río argumental pouco convencional.
Amáis o autor une historia e ficción literaria dun xeito arriscado á hora de abordar o feito histórico. Preséntanos a unhas personaxes, coas súas vidas e atrancos, coas súas emocións ben artelladas no tempo que lles toca vivir pero ás que a ficción literaria lles outorga unha universalidade potencial.. E disfrutamos lendo a un narrador que relata a trama dende un tempo presente, un narrador omnisciente e retranqueiro que con grandes doses de ironía nos conta un xeito diferente de interpretar a historia. Cómpre afirmar que estamos diante dunha novela que revolve, que fai pensar, como case que todo o que escribe Francisco Castro, que zumega rigor histórico e humanidade. E onde a voz narrativa non dubida en tender a man á utopía, á esperanza individual e colectiva fronte a unha condición humana que pode e que debe ser doutro xeito.
E dende a primeira páxina, dende que Antonio de Outeiro, unha das tres personaxes principais arredor das que xira a trama argumental, volta do Novo Mundo, do "Paraíso da Néboa á néboa gris do mundo gris da vella Europa", vémonos absorbidos por unha prosa áxil e intensa, por unha riqueza estilística extraordinaria, con párrafos fermosísimos que zumegan sonoridade por todas partes , que provoca un placer inmenso o lelos deixando esvarar os ollos por as páxinas para volver a lelos outra vez e outra vez, e de cada vez máis despacio.
Ao mesmo tempo resulta interesante visualizar o misterio da linguaxe como unha reflexión paralela ao fío argumental. O poder da palabra e o seu exercicio coma o camiño que nos leva ao coñecemento e a realización dos soños. Ata o señor feudal Don Luís, a personaxe que coñece ben os mecanismos infames do poder, e que por momentos recorda ao mismísimo Nuño Freire de Andrade, é consciente desta realidade cando soña con vivir as historias que contan os libros.
E esta referencia á importancia da palabra e ao dereito á utopía personalízase na cativadora Isabel de Portugal, a personaxe feminina central senón a máis importante de todas por que se sitúa como a que é capaz de crear e cambiar mundos cando fala e cando pensa e a quen o destino a espera para esvaer a néboa das terras da Bouza.
O que resulta indudable é que neste río engaiolante, que ás veces recende a intriga fresca de mar e outras a feudos anegados de sangue, Francisco Castro consegue unha atmósfera argumental abraiante na que todo é posible grazas á palabra . E grazas a ela As palabras da néboa é un exquisito agasallo literario para todos nós neste tempo actual que nos toca vivir e reflexionar.