Antón Riveiro Coello

Categoría: Recensión

Unha chiscadela lectora

Temeroso de que alguén se cadra se poida asustar diante da monumentalidade enciclopédica da novela, non dubida o autor á hora de tecer, xa nas primeiras páxinas, unha arañeira que atrape o lector. Esa concesión, digámolo así, garda certo paralelismo con outra estratexia experimentada en Ébora, unha das novelas coas que Caneiro quixo abrazar un meirande número de lectores. O punto de partida é semellante en ambas as dúas. Se en Ébora era Libardino Romero quen fuxía desa súa muller autoritaria, obsesionada coa limpeza, aquí é Hermelinda, unha muller de corenta anos, ama de casa, doutorada en literatura comparada, a que quere romper con vinte anos de matrimonio aburrido, e abandona o marido, un produtor de cine que lle é infiel, para procurar refuxio nunha hospedaría chamada O Gatopardo, lugar ateigado de seres estrafalarios e perdedores, esmagados pola melancolía, o amor e o fracaso.

Polo tanto, o lector entra de contado nese mundo e iso lévame a dicir que A vida nova de Madame Bovary é doada de ler -sospeito que ás veces o propio autor, cando fala das súas obras, se converte en inimigo de si, porque adoita dar a sensación de que as súas novelas son complicadísimas, e, agás Os séculos da lúa, que ten unha complexidade formal, as demais están ao alcance dun público amplo-. Iso si, as de Caneiro, aínda que entreteñen, non son novelas de puro entretemento e requiren, amais dunha complicidade especial, a aceptación de certos excesos ou acertos. Un deles sería a intertextualidade constante na súa obra, levada a extremos que rebordan o verosímil –nos personaxes deste marabilloso lupanar chamado O Gatopardo latexa sempre a alta literatura e hai que aceptar como o máis normal do mundo o feito de que, dende putas até psiquiatras, celebren con longos parágrafos aos autores clásicos de todos os tempos, dende Homero até Neruda ou Joyce–. Hai tamén na novelística de Caneiro a reiteración de certas formulas literarias que ás veces pisan o propio terreo do ensaio ou da poesía, así como unha estilística propia, poderosa, cunha voz melancólica de fondo alento poético.
Aceptadas estas premisas, convertidos estes excesos en acertos, o lector atoparase cunha novela de percorrido clásico, cunha estrutura sólida, unha morea de personaxes habitados por unha voz unánime, mulleres que ao seu xeito recrean o mito flaubertiano, infinitas historias con engado, e un final acaído no que se tecen de xeito maxistral todos os fíos.

A vida nova de Madame Bovary non é unha novela de humor, pero hai nas súas páxinas unha boa dose de ironía e situacións realmente divertidas e ocorrentes. É doado deixarse engaiolar por todos estes seres marxinais, irónicos, perdedores, seres esperpénticos tocados pola loucura, o alcohol, o delirio, a melancolía, os boleros e, sobre todo, o desexo de procurar o amor e a felicidade para fuxiren dos seus infernos. A pensión Gatopardo é para eles un refuxio, como tamén o é a literatura, que encherá as súas vidas de esperanza e sentido.

Teño que dicir que, malia que Caneiro teima nas súas entrevistas en que con esta novela intenta reinventarse como autor, non concordo con el, porque A vida nova de Madame Bovary é para min unha trabe máis nese macrotexto caneiriano que funciona coma unha única novela. Vexo aquí moitísimas conexións coa súa obra precedente, e é que Caneiro, como dixo un colega noso, é o Minotauro e tamén o seu propio labirinto, e coido que el non debe saír dese universo pechado porque é precisamente aí onde el exerce o seu mellor maxisterio.

Estamos diante dunha nova novela de Caneiro, si, pero unha novela novamente apaixonada e poderosa da que con certeza se falará durante moito tempo. E é que a Caneiro o que ninguén lle poderá negar é a súa ambición literaria. Con independencia do resultado final, o autor de Verín sempre parte coa intención de facer algo grande –e non me refiro a cuestións de tamaño, que, no caso d’A vida nova, si debe de ser a novela máis longa da nosa literatura-. E certamente, nesta novela, coido que Caneiro conseguiu facer, amais dunha obra grande en todos os sentidos, unha chiscadela aos lectores.

Comparte nas túas redes sociais ou por email