Francisco Castro

Categoría: Recensión

Esta é a terceira vez que deito os ollos nos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. A primeira vez foi naqueles xa afastadísimos tempos do instituto, cando estaba a inventarse a asignatura de Lingua Galega e o profesorado, daquela, transmitiunos, tamén, aquela idea da "santa chorona" que era, seica, a poeta de Padrón. Para iso non precisaba ir á escola. Xa o sabía pola familia. Xa llo explicaran no franquismo: esta era unha muller que andaba magoada, entre a enfermidade e a emigración dos veciños a pobre non daba feito.

Por sorte, houbo unha segunda lectura, un descobrimento nos tempos, tamén moi afastados, aínda que moi presentes na memoria, de Compostela e a Universidade. Tempo para coñecer unha Rosalía de Castro combativa, sen dúbidas feminista, moi consciente do que significaba o seu país e as aldraxes que decote sufría.

Agora, nesta nova edición feita por Galaxia, releo, desde a primeira, ou segunda, xa non sei, madureza, o libro que certificou a resurrección da nosa literatura. E aprezo á poeta, á autora chea de lucidez que soubo ler na música popular, nas cantigas -son "cantares"- para, desde alí, e falando na lingua que lle aprenderon (desde a responsabilidade), escribir poemas de corte universal.

Unha grandísima obra que todo o mundo debería ler, non sei se por obriga. Pero si, cando menos, coa consciencia de que estamos léndo(nós).

Comparte nas túas redes sociais ou por email