Consuelo Vercher

Categoría: Recensión

Gocei coa lectura d´A elegancia do ourizo na súa versión orixinal francesa e penso volver a lelo en galego, por suposto. É un pracer ler un libro intelixente, hilarante ás veces, e tamén tenro, se somos quen de ir máis aló das puas do singular animal.

Atopámonos perante un trío magnífico: intelixencia, cultura e refinamento, nun cruce de camiños, un edificio de alto standing, visto dende a ollada implacable dunha porteira cultivada, sobre un grupo social, a alta e adiñeirada burguesía parisiense que pensa que por debaixo de cincuenta mil euros ao mes, só hai imbéciles e que unha porteira nace e morre na vacuidade dun graxento programa de televisión. Atopámonos tamén co discurso lúcido e corrosivo dunha rapaza acerca do ser, do facer e do incerto devir nun triste e desolador acuario -quen non reflexionou sobre este tema?- e co sabor esencial das cousas pequenas, que nos divirten, nos seducen e nos dan, a maiores, a oportunidade de revisar os nosos "a priori". Alegoría da amizade, invitación á observación silenciosa da delicadeza dunha camelia, da sutileza dunha conversa, e á digna aceptación da saudade son os ingredientes que a autora manexa para nos contar unha historia aparentemente sinxela. É un libro ben escrito, de estilo case sempre sostido, que nos atrapa e que nos brinda a ocasión de practicar un irresistible xogo de matices nesas entrañables conversas entre amigos. Non deixa indiferente.

Comparte nas túas redes sociais ou por email