Xaime Nogueira

Categoría: Recensión

As rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello.

Hai libros que contan con moitas virtudes; neste, Riveiro Coello fainos a crónica dun tempo nas voces do seu protagonista.

Unha novela que ademais de dinámica e entretida afonda nos espazos da narración histórica ao presentarnos o decorrer dun tempo: o pasado século vinte neste país. Onde un loitador ve os seus días anoitecer mentras rebule na memoria. Son as vivencias de Camilo, un vello chegado aos oitenta que nos embarca nun percorrido pola súa vida e, en certa maneira, pola da súa familia máis achegada. Ábrese o camiño coa fonda relación entre o protagonista e o seu avó, (que fora paseado), un home intelixente e comprometido. Os anos vividos en Vilaboa, onde coñecerá as persoas que marcarán a súa vida, e onde pasará a acción política e a participar activamente en diversos actos para defender os seus principios ideolóxicos, sendo estes movementos nalgúns casos armados. Morrerán persoas e nacerán graves sofrimentos desta loita. Padecerá a persecución pola súa militancia anarquista. Son tempos de agocharse no monte, ata que termina por caer na cadea.

Logo de conquerir de novo a liberdade e de poder reunirse coa súa muller e filla, colle camiño do exilio cara Montevideo. Na parte final da novela este loitador fai unha síntese, cando nos fala en tempo presente, das súas preocupacións, tanto sentimentais como políticas e históricas.

En definitiva,unha boa novela traballada profusamente, cunha historia tráxica e emotiva que mestura intres cheos de maxia con outros moi duros, sen devecer no rigor histórico dos feitos acontecidos, e axudada de historias paralelas á historia do protagonista que complementan a súa lectura e crear o universo onde a narración se desenvolve.

Comparte nas túas redes sociais ou por email