As enormes minucias. Por Bieito Iglesias.
Bieito Iglesias recomenda as columnas publicadas por Galaxia baixo o título de Á marxe recompiladas en dous tomos (os correspondentes a 1992 e 1993).
O lector atopará semellanzas cunqueirianas, censura da corrupción política, parangóns entre a cotra carpetovetónica e as socialdemocracias escandinavas, picadelas aos impostores da arte contemporánea ou referencias ao colleitizo das guerras balcánicas. Son pezas que frecuentan modalidades de escrita híbrida, escarranchada entre o xornalismo e a literatura de ficción: dietario, panorama, estampa, semblanza, sketch ou glosa. Son enormes minucias chestertonianas, nas que baixo a aparencia de miniaturas, de minudencias cotiás, corre un rego de subtil humorismo, de confianza no cidadán común e de decepción perante o teatro do mundo.