Xosé Carlos Caneiro

Categoría: Recensión

Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro.

A novela. A metáfora. A vida

Ela estaba lonxe de todo. Todo estaba ao seu carón. Trátase de escribir dun volume primordial da nosa, tan querida, Galaxia: este Babel, borgeano, do Noroeste. Non ten por que ser a mellor novela escrita en galego, nin o texto perfecto que algúns procuran, nin o soliloquio da mestría encumbrado por un escritor de arrabaldo. É unha lectura para compartir entre horas, ou a todas horas, cando o mercado das excitacións do que fala Steiner non turbe o noso entendemento. É dicir, cando os estímulos do publicitado e os altofalantes do sistema non vulneren a nosa mirada (literaria). E anoto, porque si, a Cunqueiro. Porque cumpre cincuenta anos e estou canso de celebrar os catrocentos de Quijano e non os cincuenta de Merlín. Merlín e Familia, recomendo coa vehemencia precisa e o máis candoroso entusiasmo. O Merlín de Cunqueiro inventou a García Márquez e talvez bebeu en Rulfo. El llano en llamas é de 1953 e Pedro Páramo do 55, o mesmo ano do Merlín. Cien añosde soledad chegou despois. Sen Rulfo, e sen Cunqueiro, é probable que non existise iso que chaman realismo máxico ou real marabilloso. Claro que Cunqueiro era outra cousa, nin real nin marabilloso, senón todo o contrario. Cunqueiro inventou xénero porque era en si mesmo un xénero literario. Este ano, no que se celebra sen celebración o cincuentenario de Merlín e familia, as neoautoridades galaicas deben reflexionar e aproveitar o tempo perdido. Agora mesmo, deitados na vendima do Parlamento, deben pensar qué facer con Cunqueiro neste outono que se anuncia, vento a vento, nas praias do noroeste. Porque Galicia ten que cantalo, ben alto. Presumir de Merlín e de literatura grande. Grande pero sen o márquetin do Boom hispanoamericano ou das novas tendencias centroeuropeas e americanas, que son penosas. Merlín e familia é unha novela no que a voz narrativa deixa de ser unívoca para se converter en polimorfa e fértil. Unha novela de imaxinación e tenrura, de ficción e megaficción, dun realismo deformado que pasea na rúa de espellos de Valle Inclán. Convén ler a Cunqueiro e non La Conspiración, cariño. Porque La Conspiración carece de metáforas, como a maioría da pseudoliteratura que tanto aplaude o sistema aliterario. A metáfora, dicía Nietzsche, é o desexo de estar noutra parte. E ti, cando leas o Merlín, quererás sacudir "o mercado das excitacións" para abrazar a vida, o viño que queda por beber, a risa do mencer e os paxaros -tan lindos- da memoria. Falo de Merlin e familia, a novela. Ela estaba lonxe de todo, escribiu don Álvaro, todo estaba ao seu carón. A novela. A metáfora. A vida.

Comparte nas túas redes sociais ou por email