Xaime Isla, debuxante

Categoría: Nova

No libro de Albino Mallo dedicado ao café Derby de Vigo, "Algo máis que un café, 1921-1968" (colección Memoria) descúbrese unha dimensión certamente pouco coñecida de Xaime Isla Couto, avogado e economista, fundador en 1950 de Editorial Galaxia, xunto con Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro e Ramón Otero Pedrayo: a condición de debuxante e caricaturista.

Xaime Isla foi un dos seareiros deste café vigués, que durante varias décadas reuniu personalidades senlleiras da vida social, cultural e política da cidade e de Galicia. Entre as personalidades que pasaron pola mesa do café Derby, sito na embocadura das rúas Urzáiz, Colón e Príncipe, hoxe desaparecido, estaban Valle-Inclán, García Lorca, Figueras, relevantes da política galega e española, o produtor cinematográfico Cesáreo González, Mario Granell, Urbano Lugrís, Marcial Lafuente Estafanía (que iniciou a súa actividade como novelista popular en Vigo), deportistas, financeiros, embaixadores e algúns nomes coñecidos do galeguismo: Celso Emilio Ferreiro, os irmáns Álvarez Blázquez, Valentín Paz Andrade, Plácido Castro, Celso Collazo, Álvaro Cunqueiro…

Dende as mesas de mármore do café, Xaime Isla debuxaba e retrataba aos seareiros e amigos. Nas páxinas finais do libro aperece unha mostra desta actividade artística pouco coñecida do intelectual galeguista.

Comparte nas túas redes sociais ou por email