Esta semana chegará a todas as librarías de Galicia a biografía, Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia, da profesora Malores Villanueva quen tantas horas de confidencias compartiu co homenaxeado do Día das Letras Galegas 2023.
Publicada na colección Letras Galegas, esta é a biografía máis completa e documentada sobre a figura de Don Paco. A través desta publicación e algunha outra máis, editorial Galaxia pretende festexar e reivindicar a este loitador incansable que foi unha figura fundamental da nosa cultura, inspirador do Día das Letras que agora se lle dedican, cofundador da editorial Galaxia e da revista Grial, da fundación Penzol e presidente da Real Academia Galega.
Nacionalista de corazón e de razón, mantivo unha traxectoria firme, sen traizoar nunca os seus ideais. Membro do Partido Galeguista e do Seminario de Estudos Galegos, activista universitario, tradutor, editor e articulista, son algunhas das innumerables facetas de quen se definía como “un optimista radical”.
Mañá, martes 10 de xaneiro, celebrarase, ás 19:30 h, na libraría Cartabón de Vigo, a presentación de Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia, de Malores Villanueva.
Acompañando o autor, estarán Antón Vidal Andión, presidente de Editorial Galaxia, e Francisco Domínguez, membro da Fundación Penzol.
Malores Villanueva Gesteira (A Xesteira, Cotobade, 1982) é profesora, tradutora, editora, crítica literaria e doutora en Filoloxía Galega pola USC coa tese A Editorial Galaxia: proxecto e traxectoria 1950-1963. É autora dos libros Lingua e sociedade, a aldea da Xesteira (2006)e A lingua galega entre 1963 e 1975. Situación social e discursos dende o galeguismo (2010), gañadores do Premio Antón Fraguas de Investigación e do Premio Novos Investigadores, respectivamente. Como crítica literaria, ademais de recensións en diferentes revistas, participou semanalmente no programa Chamando á terra, da Radio Galega e, na actualidade, colabora no suplemento cultural Fugas, de La Voz de Galicia, e no programa ZigZag, da TVG. Publicou artigos en volumes colectivos e revistas especializadas e, en 2019, deu ao prelo a biografía Antonio Fraguas, mestre da memoria. É Padroeira da Fundación Penzol e da Fundación Premios da Crítica.