Este 7 de xaneiro, don Paco faría 110 anos (Lourenzá 1913) mais tamén os farían Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros e Alevín, todos alcumes que empregounos xornais e revistas naqueles días aciagos e incertos en que tiña prohibido publicar e estaba vivindo de prestado polo seu compromiso co país e co galeguismo. Naqueles días da Guerra Civil en que unha voz anónima lle lembraba por teléfono acotío que estaba vivindo con permiso do enterrador. Naqueles días en que o desazo o invadía ao ver a tantos amigos e compañeiros marchar ao exilio, sufrir unha terrible represión ou morrer nas gabias asasinados. Atrás quedaban aqueles días composteláns en que soñara, xunto con Cunqueiro, Seoane, Carvalho Calero e tantos outros, unha Galicia ideal. Un soño galeguista, un país de Nós, que a Guerra Civil e a ditadura fascista quebraron pero que el, con tesón e dignidade, como unha costureira con agulla e fío, foi corcosendo con todos os farrapos que foi atopando, aquí, na terra, e no exilio en Buenos Aires e Montevideo. E, coa axuda inestimable dos amigos fraternais, Ramón Piñeiro, Xohán Ledo e Xaime Isla Couto, saíron así das súas rexas mans e desas vivas retinas súas onde se vían os nosos devanceiros, a creación de Editorial Galaxia en 1950, Fundación Penzol en 1963 e a revista Grial, tamén este ano. Súa foi a proposta á RAG, canda Gómez Román e Ferro Couselo, de crear o Día das Letras Galegas que este ano 2023 se lle dedica con toda xustiza e merecemento. El, que dixera, nunha das súas derradeiras entrevistas, que xa cría que o fixera todo, ponlle o ramo a unha vida de entrega e loita en prol da nosa cultura con este Día das Letras.
Parabéns polos 110 anos, don Paco, mais tamén beizóns polos 73 anos de Galaxia, polos 60 da Fundación Penzol e polos 60 da revista Grial e do Día das Letras Galegas.
Esta ano saldamos unha débeda con don Paco, pero se hoxe albiscamos un futuro propio é porque el o matinou e o construíu palabra a palabra tras o vidro desas grosas lentes de pasta que deberían ser o espello onde todos nos mirásemos, orgullosos e agradecidos polo camiño andado, e polo que nos queda aínda por percorrer. Que o seu exemplo nos guíe.