O mércores 11 de xaneiro, celebrarase, ás 20 h, na libraría Cartabón de Vigo, a presentación de Vivir e morrer pola causa. Biografía de José Gómez Gayoso, de Carlos A. Portomeñe Pérez.
Acompañando o autor, estará o catedrático Xesús Alonso Montero.
Publicado na colección Memoria Histórica, este libro achega ás lectoras e lectores á biografía de José Gómez Gayoso (Maceda, 20-IX-1910 – Campo da Rata (A Coruña), 6-XI-1948). Foi un loitador político que tivo que vivir nun tempo ateigado de adversidades e definido polos horrores da represión extrema da Ditadura. En Vivir e morrer pola causa, Carlos Portomeñe ofrécenos, en palabras de Xesús Alonso Montero, “unha biografía moi completa e excelentemente contextualizada dunha figura cunha vida verdadeiramente heroica, se por heroísmo entendemos entregar a existencia a unha causa pública e nobre”, completada coa súa correspondencia con Concha Abad, que axuda ao coñecemento dun persoeiro cunha vida digna de novelar.
Carlos A. Portomeñe Pérez (Lugo, 1968) estudou Ciencias Políticas na USC, é escultor e artesán especializado na construción de escenografía e atrezzo teatral. Foi secretario xeral do Partido Comunista de Galicia (2002-2014) e pertence ao Comité Central do PCE desde 2002. Tamén exerceu como portavoz municipal de EU no concello de Lugo (2015-2019). Columnista e colaborador habitual de Mundo Obrero (xornal fundado en 1930), é activista e investigador da memoria democrática. Publicou La matanza de Atocha y otros crímenes de Estado. Anatomía de la Transición (2022).