No Centenario de Manuel Murguía

Categoría: Nova

A editorial Galaxia quere sumarse á celebración do centenario da morte de Manuel Murguía, o 1 de febreiro de 1923, neste ano que se lle vai dedicar dende diversas institucións galegas, entre elas a Real Academia Galega, da que foi o seu primeiro presidente ata o seu falecemento.

Historiador, poeta, xornalista, crítico, narrador, axitador cultural,  Manuel Murguía foi un sabio en todo o sentido da palabra. Reverenciado por amigos, compañeiros, coetáneos e por calquera anónimo coruñés que o vise pasear nos seus últimos anos  pola rúa Real ou os Cantóns co seu inseparable gabán e a súa chistera.  Como fillo do Romanticismo e do seu tempo, só tivo durante toda a súa vida un fin último, un ideal, Galicia, forxado sobre os alicerces de que somos unha comunidade distinta pola orixe, pola cultura e pola lingua propia. Enfrontouse aos mitos creados polos historiadores centralistas españois que querían borrar  do mapa a explícita pluralidade nacional do estado español. Soñou con que esa Galicia cativada era quen de liberarse dese xugo terrible e chegaba á terra de promisión.

Rosalía de Castro e Manuel Murguía son as figuras fundamentais do noso Rexurdimento e entre ambos sentaron as bases da cultura galega contemporánea e da nosa identidade nacional. Sen Eles non habería un Nós, non teriamos futuro nin poderiamos albiscar no horizonte unha esperanza que ás veces, cando nos debruzamos, non somos quen de ver.

O mestre de historiadores, Xose Ramón Barreiro Rivas, debullou toda vida e obra de Manuel Murguía nunha monumental biografía, publicada por Editorial Galaxia,  en que nos fai un retrato rigoroso, fidedigno e documentado do que foi un dos grandes construtores do noso Pais.

Comparte nas túas redes sociais ou por email