Víctor F. Freixanes 1º premio 'ROSA DOS VENTOS'

Categoría: Nova

O alumnado de 5º curso de bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires crea o premio 'Rosa dos Ventos' e outórgao na súa primeira edición ao director xeral de Editorial Galaxia, Víctor Fernández Freixanes.
Mañá 19 de abril o escritor e académico recibirá a distinción nunha cerimonia que se celebrará no salón de actos Valle Inclán do Centro Galicia a partir das 11 horas.
A comezos do ano 2012, o alumnado de 5º curso de bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires presentou á Delegación arxentina da Fundación Galicia América unha proposta anovadora e que o órgano xestor do centro educativo aprobou e apoiou atendendo aos baseamentos que tal proxecto ten.
Dita proposición, consistente en crear un premio anual para homenaxear a un home ou muller que, sen formar parte da institución, acredite méritos salientables na defensa da identidade fundacional do Instituto Santiago Apóstol, mostre compromiso co labor pedagóxico realizado no centro educativo e contribúa na divulgación das actividades que se realizan apoiando as múltiples iniciativas que dende esta beira do Atlántico se presentan, nace coa firme intención de recoñecer humildemente o esforzo das personalidades que desinteresadamente acompañan ao establecemento educativo.
Deste xeito, en todos os ciclos lectivos a partir do presente, o alumnado maior da institución (5º curso de bacharelato) proporá de xeito individual os/as candidatos/as que consideren merecentes de ser homenaxeados e fundamentará as razóns para tal escolla. Unha vez designadas as candidaturas, realizarase unha votación interna con voto secreto entre os alumnos e alumnas que compoñen o curso, a cal elixirá a persoa galardoada dese ano.
Foi o día 28 de marzo pasado cando, logo de presentar as diferentes suxestións, se realizou a votación estipulada nas bases do galardón. O escrutinio fixou que o alumnado considera merecente do premio "Rosa dos ventos 2012" ao escritor e académico, Víctor Fernández Freixanes.
Tal e como expuxeron os mozos e mozas, a figura do director de Editorial Galaxia representa para o alumnado e para a institución un guieiro que acubilla o respecto polo labor desenvolvido nesta beira do Atlántico en prol da cultura galega.
Ao longo destes anos, o profesor Freixanes non deixou de acudir á institución en todas cantas viaxes realizou á capital arxentina, apoiou os traballos do centro educativo, acompañou o crecemento institucional e, en moitos casos, introduciu na nosa realidade a importantes figuras académicas e políticas da nosa cultura.
Por riba, non deixou de espallar con criterio obxectivo, alleo a galanos de compromiso, os traballos do instituto en todas cantas oportunidades tivo tanto na Galicia administrativa como na da diáspora.
Por todo o anterior e máis, o alumnado de 5º curso de bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires séntese orgulloso de que este primeiro premio "Rosa dos ventos" recaia na súa figura.

O Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires vén desenvolvendo dende xa hai máis dunha década un traballo continuo no asentamento, potenciación e espallamento dos valores patrimoniais galegos dentro dun currículo parello ao dos centros asentados na Galicia territorial.
Este centro educativo, xestionado pola Fundación Galicia América (constituída pola Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires), desenvolve un proxecto educativo bicultural nos niveis inicial, primario e secundario e traballa co obxectivo primordial de brindar unha educación de calidade contrastada, elemento fundamental na promoción dunha escola que leva implícito o nome de Galicia fóra das fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma.
Así, a custodia, difusión, reforzamento e desenvolvemento do patrimonio material e inmaterial galego en todos os campos e a oferta dunha educación aberta aos cambios que esixen os novos tempos son alicerces innegociables do centro educativo, piares básicos que sustentan todos os traballos cotiáns.

Víctor Fernández Freixanes

Nacido en Pontevedra no ano 1951, é doutor en Filoloxía Románica. Pasou da docencia escolar ao xornalismo, de aí ao mundo da edición e, finalmente, á universidade.
Actualmente é profesor de xornalismo en Santiago de Compostela, membro da Real Academia Galega e director xeral da Editorial Galaxia. En 1980 gañou o Premio Modesto R. Figueiredo co relato "A caza das cascudas". Posteriormente, coa súa primeira novela, 'O triángulo inscrito na circunferencia' (1982) obtivo o Premio Blanco Amor. En 1989, publica 'O enxoval da noiva', novela que recrea a Roma dos Borgia, e en 1993 gaña o Premio Torrente Ballester con 'A cidade dos césares'. Antes dera ao prelo 'Unha ducia de galegos' (1976), fito na recuperación da memoria do galeguismo a través do xénero da entrevista, e 'Memoria dun fuxido' (1980), baseada na vida do guerrilleiro Manuel González Fresco. En 2010 publica en Galaxia a novela 'Cabalo de ouros', coa que obtivo o Premio Autor do Ano da Federación de Libreiros de Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email