Onte, na Casa do Libro de Vigo, o doutor José Luis Iglesias Diz presentou, na compaña do editor Francisco Castro, o seu libro 'Un pozo moi fondo. Anorexia, bulimia e outros trastornos da conduta alimentaria'. Ao remate do mesmo, desenvolveuse un animado coloquio no que o público asistente puido facer preguntas directamente ao doutor sobre a enfermidade, os seus síntomas, tratamento e evolución.
Durante a presentación e no coloquio falouse da presión que a muller recibe, dende moi nena, sobre o seu corpo para someterse á tiranía da delgadez, a necesidade de entender este tipo de trastornos como o que realmente son, é dicir, enfermidades, e sobre a necesaria implicación de pais, docentes e medios de comunicación na súa prevención.