O escritor Francisco Castro, acompañado pola tamén escritora Iria Collazo López falarán sobre a nova novela do primeiro, AMOR É UNHA PALABRA COMA OUTRA CALQUERA no marco dos Vermús entre libros que organiza a librería Paz de Pontevedra.
Desta novela, no blogue literario Páginas de Nieve, escribiuse que: "Francisco Castro consegue cunha prosa magnífica meternos de cheo na vida da protagonista, nos seus cambios persoais e emocionais. Con palabras rápidas, que case parecen non deixar respirar ao lector, transmite a agonía dos personaxes. Un narrador que coñece todo o que acontece, que fala co lector e que tamén o fai directamente con Carla. A súa voz da conciencia. O seu Pepito Grilo particular. Algo incríbel. Fantástico, como os ensinos que se atopan tras o relato. Un carpe diem en toda regra que convida a vivir por e para un mesmo, a deixarse levar polo que se sente no presente, a non deixarnos condicionar por nada nin por ninguén. A narración dunha transformación con certos toques cinematográficos e unha liña do tempo que se ve continuamente saltada, sen descanso, sen aviso. Como a vida mesma. É o amor o centro de toda a existencia? Por que non nos ensinan a sentir? Críticas con sentido, con humor, con razón, dunha sociedade próxima".