Unha fin de semana cheo de música infantil

Categoría: Nova

Esta fin de semana vai ser especialmente intensa no plano musical infantil porque dous dos grupos que recentemente teñen publicado na colección Sonárbore, OVIRAVAI e PIRILAMPO, ofrecerán concertos en Ourense e Santiago, respectivamente.
A primeira das citas témola en Ourense, concretamente no Auditorio, ás 18 horas. O prezo da entrada é de 3 euros.
AS ANDANZAS DE PAIO é unha espectacular proposta musical a cargo do grupo vigués OVIRAVAI. O público asistente acompañará a Paio, un teixugo moi divertido, na súa viaxe arredor do mundo e das músicas dos distintos países que irá visitando. Rock, funki, reagge….todo un mollo de músicas nunha proposta tamén teatral a cargo de catro músicos que non paran quietos nin un segundo. Unha hora de música divertida para coñecer as estacións, para saber como se canta polo mundo adiante, para baixar aos océanos da man de tiburóns simpáticos.
Logo, o domingo, o grupo PIRILAMPO tomará o escenario do Salón Teatro de Santiago, tamén ás 18 horas, Neste caso, o prezo da entrada é de 5€, á venda na billeteira do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo.
Teatro de Guiñol é un espectáculo musical de Pirilampo, un grupo de música pensada para os máis pequenos. Desta volta, achégannos a obra de Manuel María, autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2016.
O disco presenta unha escolma dos versos máis retranqueiros e festivos de Manuel María, o que xa constitúe un garante de éxito entre o público ao que se destina. Compilados dos poemarios As rúas do vento ceibe, Os soños na Gaiola e Terra Chá, os once temas que conforman o álbum foron musicados por Pirilampo.
A natureza, O vento, A fala, Anduriñas, Neve ou o propio Teatro de Guiñol, que lle dá título ao álbum, son só algúns dos poemas escolmados, nesta ocasión, para o gozo de grandes e pequenos. Poemas atemporais para ser contados e cantados.

Comparte nas túas redes sociais ou por email