Malores Villanueva

Categoría: Recensión

"O meu pesadelo favorito", de María Solar, ten a sensibilidade e a intelixencia de tratar os nenos como o que son, persoas en constante proceso de aprendizaxe con capacidade para absorber coñecementos. Sabiades que os cans poden ser verdes? E sabedes que os xemelgos poden nacer unha semana despois un do outro? Cientificamente é posible, e esas rarezas son encaixadas con mestría nun soño de soños, o de Manuel, que enferma da barriga e, despois de tomar un xarope de amorodos para cans, adormece. Un extraterrestre, o doutor Ensaio e a doutora Probeta, Dinorrinco e Hipodrilo, un vendedor de olores, unha fábrica de bicos, un bar de mentireiros, dous cans verdes, Alicia nun país que non é o das marabillas… son algúns dos personaxes deste libro que leveda pouco a pouco con grandes doses de humor.
Este pesadelo tamén belisca o corazón sen mancar e móstranos as claves para mudar o mundo: os bicos, o amor e a intelixencia, como enerxía que move o universo enteiro. Tamén nos invita a ser valentes, a atrevernos, a poñer no centro o que sentimos, a non avergonzarnos do cariño, a soñar.
Gústame que non hai medo ás palabras, non se escollen as máis sinxelas, nin eufemismos, é un libro que abrolla dende ese diálogo entre iguais, por iso é tan crible. María Solar ten ese respecto polos tolos baixiños, sabe que deles tamén se aprende moito e crea ó seu carón, quizais por iso este libro foi merecente do Premio Lazarillo 2014.
Lembrádesvos cando enfermabamos e tiñamos que estar uns días na cama? Ó erguérmonos dicíannos que deramos un estirón. Pois despois de ler este libro pasa o mesmo, só que en lugar de medirse en centímetros faise en felicidade e en saberes.

Comparte nas túas redes sociais ou por email