Eu recomendo a lectura deste libro por múltiples e variadas razóns. Vou citar algunhas. A relación epistolar que se tece entre Circe e Penélope foime atrapando pola súa complexidade e pola profundidade que agocha esa relación que vai ao cerne mesmo do que somos as mulleres e como podemos entendérmonos mellor se existe unha comunicación fluida e cómplice entre nós. Está tan ben escrita, e documentada con tanto rigor, que nos mete de cheo na linguaxe e no ambiente da Odisea de Homero pero desde unha perspectiva que nos desvela e descubre o papel feminino oculto antes e abre novos horizontes para outras interpretacións. É un verdadeiro pracer desde a primeira páxina ate a última, fascinante, viva e sensual. O galego que emprega é delicado, requintado e coidado o que demostra un amor pola lingua que emprega que non é moi usual nunha primeira novela. Levabamos máis tempo que Penélope tecendo, agardando unha creación que falase tan abertamente sobre nós, sobre as nosas inquedanzas, sobre a sutileza que rodea á amizade con maiúsculas. Begoña é unha muller apaixoada e iso está presente nesta novela que recomendo a todo o mundo. Sen prexuízos podemos disfrutala máis e mellor e, sobre todo, imos saber máis do xénero humano e de literatura. Ide ás librarías xa e correndo que está sendo un éxito o cal demostra que o bo tamén vende afortunadamente.