Ramón Nicolás

Categoría: Recensión

Do Courel a Compostela*

Calquera lector conta, ou debería contar, no seu acervo máis íntimo, con algún título que, por unha ou outra razón, aviveceu algo no interior dun mesmo.

O encontro co título que arriba se alude resultou unha experiencia que deixou un pouso fondo en min, como estou convencido que así foi para algúns amigos, estudantes de filoloxía galega-portuguesa que andabamos por Compostela nos finais dos anos oitenta e que, malia o que se dixera, gustabamos da literatura. Os eidos, que nun piso da rúa de San Pedro e logo noutro do Castrón d´Ouro compostelán, circulara suscitando un interese cada vez maior, gozaba dalgún xeito de continuidade con aquel libro de Novoneyra. Cos correspondentes exemplares do trinque embaixo do brazo alá fomos ata Carreira do Conde: escoitar a súa voz, admirar a súa presenza. Ao rematar o acto rememoro o silencio que acompañaba o noso camiñar: saíamos como quen vén de asistir a un espectáculo dificilmente repetible, mesmo non sei se cun chisco máis de fe no país tras unha "Letanía de Galicia" intensa e vibrante; todos compartiamos a crenza común de que aquel home era único: singular por aquela rexa voz, pola súa palabra, pola atmosfera que chegara a crear arredor da poesía.

Por iso, a reedición que presenta Galaxia de Do Courel a Compostela, enriquecida cun cd que recupera a lectura do poeta, exquisita no tratamento textual, excelente no tratamento estético do libro é un verdadeiro galano: avivece saudosamente aqueles tempos. Emociona.

* Para Avelino, Henrique, Xosé Lois, Fran e Conchi.

Comparte nas túas redes sociais ou por email