Eva Carpente

Categoría: Recensión

Veño de ler A praia dos afogados, de Domingo Villar. Xa lera o seu primeiro libro, Ollos de auga, e pasmárame a orixinalidade do seu modus operandi. Foi ese o motivo polo que merquei esta segunda novela? Pode ser. Por outra banda tamén pode ser que Domingo fose quen de espertar a miña xuvenil afección pola novela policial, esquecida hai tantos anos.
Domingo supérase con A praia dos afogados: describe os lugares onde transcorre a acción de tal xeito que mesmo parece que o lector está atravesando con grandes zancadas a Alameda, subindo a pequena costa da Rúa Reconquista ou entrando no templo do mar de Panxón. Séntese coma se a canda Leo Caldas estivese a contemplar o pantocrátor pintado na bóveda, ou coma se sentase canda el no Elixio, onde semella que os catedráticos forman parte do decorado.
Gústame o personaxe tan humano, tan vulnerable, tan lonxe do policía duro e de pistola fácil que acostumamos a ver na TV. Gústame como vai chegando ás conclusións que o levan a dar uns poucos pasos adiante e de súpeto un paso atrás, ata chegar a comprender aquilo que o vai levando a resolver o caso.
O inspector Leo Caldas entra no lector que sente a ansiedade da dúbida, os sentimentos de simpatía ou anoxo, diante dos outros personaxes. Gústame a súa alma atormentada pola ausencia de Alba… Aclaro que estou a falar dunha novela onde se investiga a causa e as circunstancias da morte dun home que aparece afogado nunha praia de Panxón, porque se cadra pódese pensar que falo dunha novela romántica e non é o caso. Non quero destripar o argumento porque estou segura que esta novela vai acadar moitas edicións. Ningún cabo solto, nada queda sen resolver, agás a personalidade de Leo Caldas, e os seus asuntos propios.
Gústame cómo Domingo describe a Ría de Vigo e a gastronomía galega, animo a ler esta novela e a facer un recorrido polos lugares nos que pasa a acción degustando os mesmos pratos, é unha gozada!

Comparte nas túas redes sociais ou por email