O latín chegou a ser a lingua dun imperio, pero xamais puido ou quixo agochar as súas orixes rurais. Segundo a preciosa etimoloxía de delirare, alguén que delira é alguén que se desvía do rego, do suco (lira). E alguén egrexio (egregius) destaca por enriba do rabaño (grex). Os rivais (rivales) son tales porque comparten o dereito de uso dunha canle de irrigación (e por aquí coñecemos ben as disputas que tales amaños poden comportar). As orixes rurais do latín (e, con el, das linguas romances) aséxannos á volta de cada verso, de cada estrofa, de cada páxina.
Circula de pouco certa tendencia (ou se cadra tamén pasou tempo asexando e agora, crecida, sae de novo á luz) de asociar ao galego co rural e, sen solución de continuidade, negarlle despois a capacidade de adaptación aos tempos modernos e, con iso, as mil ou cen ou sequera cincuenta primaveras máis que outros lles procuraron. A min, esta identificación da miña lingua coa ruralidade paréceme incompleta, pero nunca insultante. Non o pode ser se tamén rural foi a lingua de Virxilio, Tácito ou Cicerón.