Estamos estes días pendentes de se, coa proposta do novo decreto de galego no ensino, o goberno se afasta definitivamente –como todo apunta– ou non do consenso lingüístico ao que se chegara no Parlamento en 2004. Baixar a porcentaxe do mínimo do 50% de materias en galego significaría que racharían unilateralmente ese acordo, e un decreto que estabelecese un ensino cuns mínimos marcados en tres linguas (galego-castelán-inglés) merece, cando menos, algunhas reflexións preventivas.
Se o obxectivo é que ao final do ensino obrigatorio se teña igualdade de competencia lingüística en galego e castelán e como demostran informes da propia Xunta e do Consello Escolar co 30% das materias en galego non se acadaba suficiente competencia en galego, como se pretende cumprir ese obxectivo? Non sería un sensentido, unha irresponsabilidade?
Aprenderían axeitadamente os/as nenos/as matemáticas, coñecemento do medio, física e química ou filosofía en inglés? Están os/as profesores/as preparados/as para impartir esas materias en inglés? Ten sentido?
Se, por primeira vez, se chega a fixar un mínimo de materias para impartir en castelán, non será un moi grave retroceso e un foco incontrolábel de graves e innecesarios conflitos obrigar a profesores e profesoras que veñen usando o galego no ensino a que usen agora o castelán nas súas clases, materiais, exercicios e exames sen ningún motivo nin pedagóxico nin lingüístico?