Hai moitos anos que fago camping e sempre sei se a persoa que se está a duchar é do país ou non. Abonda con reparar nun pequeno detalle: os nacionais dúchanse con chanclas, os estranxeiros déixanas fóra.
Imaxino que o noso razoamento é o seguinte: cómpre protexer os pés, porque pode haber alguén que teña algunha enfermidade e se duche descalzo. É dicir, todo o mundo é culpable ata que demostre que é inocente. E sospeito que o razoamento dos estranxeiros é diferente: estou san, de modo que non cómpre calzado para ducharme, só no caso de que tivese algo usaría chanclas para non contaxiar aos demais. Ou sexa, todo o mundo é inocente, ata que demostre ser culpable.
Son dúas formas moi diferentes de entender a ducha, isto é, o ben común. Os de fóra trátana como se fose propia (ninguén se ducha calzado na casa) e dese xeito evitan encher a pileta de follas, pó ou outras porquerías que chegan alí adheridas ao calzado. A nós a ducha, insisto: o ben común, impórtanos pouco, e dámoslle preferencia ao noso interese particular. O que veña detrás que se amole.
Quizais as chanclas na ducha expliquen tamén o feísmo urbanístico, a desfeita ecolóxica, o lixo abandonado no monte e en xeral o pouco aprecio a todo aquilo que constitúe o ben común que legaremos aos nosos fillos. A lingua tamén.