Cun libro nas mans

Categoría: Opinión

Non sei durmir sen un libro nas mans. É un deses vicios saudables. Sen contraindicacións. Sen efectos adversos nin perversos para o que só se necesitan ollos. Ou mans. Quizais porque compartín o ventre da miña nai con textos prohibidos cruzando a fronteira. Quizais porque de pequena só tiña présa por medrar para chegar a aqueles estantes que agochaban tantos segredos adultos. Pero ao mellor devoro libros só porque hai vida máis alá de min. Por unha necesidade biolóxica de alimentar o maxín. Porque lendo soño e soño lendo. Porque paga a pena erguerse só para volver deitarse e caer nos brazos de Morfeo mentres as letras bailan nas meniñas. Sáenme agora co libro electrónico e penso que xamais sucumbirei a esta fría tentación electrónica. Que non traicionarei o tacto do papel e o cheiro da tinta. Que non poderei seguir unha historia sen dobrar a parte superior da páxina para lembrar onde quedaramos. E comezo a sentirme mal porque aló embaixo, onde se agochan as verdades máis tercas, sei que hei de sentirme igual de ben mergullándome no próximo caso do inspector Leo Caldas nunha pantalla de seis polgadas. E seguirei sen saber durmir sen un libro nas mans.

Comparte nas túas redes sociais ou por email