Unha historia de amor que nos interpela

Categoría: Nova

"A miña historia é persoal. Non pretende representar xeración ningunha. Aínda que é certo que o que conto lle sucedeu a moita xente do meu tempo, mozos e mozas que vivimos aqueles días", explica Xulia Alonso, autora de "Futuro imperfecto", que se presentou na Festa do Libro da cidade da Coruña.

O xornalista Fran P. Lorenzo e a bibliotecaria Elena Pernas, responsable da rede de bibliotecas municipais da cidade, acompañaron á autora na presentación, xunto co editor Víctor F. Freixanes.

O libro de Xulia, que aos poucos meses de saír xa vai pola segunda edición, está a despertar enorme interese e curiosidade entre os lectores, en canto que reflicte non só unha historia persoal ("unha historia de amor, pensada moi especialmente para a miña filla Lucía, e mais para rescatar a memoria do seu pai, o meu compañeiro Nico, e un pouco a memoria de todos nós diante das xeracións que viñeron despois", explica Xulia Alonso), mais tamén a crónica dun tempo, os anos 80 sobre todo, especialmente axitado e cheo de expectativas, e de frustracións: a experiencia da droga, o cataclismo da Sida….

"É a primeira vez que nas letras galegas se trata este tema con tanta sinceridade, con tanta autenticidade", comentou Fran P. Lorenzo, un dos primeiros críticos que se fixeron eco do libro. "Unha historia dende a experiencia, que nos conmove, que non nos deixa indiferentes, que nos explica as cousas e, ao mesmo tempo, nos deixa libres para interpretalas, para entendelas".

Recentemente, "Futuro imperfecto" mereceu o premio Losada Diéguez ao mellor libro literario do ano 2010. Víctor F. Freixanes, o editor, dedicou o pasado domingo o seu artigo de La Voz de Galicia ao libro de Xulia relacionándoo coa figura de Lois Pereiro, prácticamente da mesma xeración, a quen este ano a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas. Podedes lelo aquí.

Comparte nas túas redes sociais ou por email