Pero Lois Pereiro aínda

Categoría: Nova

É unha opinión unánime que en poucas ocasións como a presente, a figura do homenaxeado no Día das Letras Galegas consegue unir a tantas xeracións de galegos e galegas. A obra de Lois Pereiro, ben coñecida por moitos e por moitas, a pesar da súa escasa produción bibliográfica, espallárase como poucas veces se tiña visto antes nos días previos, e onte mesmo, con actos cheos de público por todo o país. Quizais por vez primeira homenaxeamos a unha figura pouco institucionalizada e, polo tanto, máis pegada ao común dos lectores e das lectoras que, nun constante boca-orella viñan facendo dende hai moitos anos da súa poesía, obxecto de culto.
Cómpre agora, pasado o día da festa, que os versos de Lois Pereiro segan igual de vivos que estes meses atrás, tan presentes, tan dentro de todos e de todas. Lois Pereiro foi o poeta do amor e da vida. Do mesmo amor e da mesma vida que nos leva a amar as palabras en lingua galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email