Un símbolo necesario

Categoría: Nova

Estes días chegará ás librerías de toda Galicia o novo ensaio de Victorino Pérez Prieto, 'Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario'.
Estamos diante dun percorrido pola historia dun símbolo necesario para a construción da identidade galega. O autor abordou un achegamento científico á figura de Prisciliano, e a súa relevancia para a cultura galega, sobre todo desde o século XIX ata os nosos días.
Neste libro, segundo escribe no "Adro" María Pilar García Negro imos "reencontrármonos con nós mesmos, isto é, coa historia que nos fixo e da que vimos". Coa súa lectura "achamos resposta a varias interrogantes que outros textos anteriores sobre Prisciliano nos suscitaron. Para ese camiño cóntase aquí cun magnífico guía, perito en moitos camiños e autor de moitas páxinas documentadas sobre a historia particular do cristianismo galego".
Victorino Pérez Prieto (Hospital de Órbigo, León, 1954) é doutor en Teoloxía e imparte clases nas universidades de Santiago e da Coruña. Foi director da revista Irimia e pertence ao consello de redacción de Encrucillada. Publicou, entre outros libros, A xeración "Nós". Galeguismo e relixión (1988), Galegos e cristiáns. "Deus fratresque Gallaeciae" (1995), Do teu verdor cinguido. Ecoloxismo e cristianismo (1997) e Contra a síndrome N.N.A. (Non hai Ningunha Alternativa). Unha aposta pola esperanza (2005).

Comparte nas túas redes sociais ou por email