Un libro prohibido

Categoría: Opinión

Seguramente un dos mellores xeitos de animar á lectura é prohibir libros. Falo por experiencia. Na miña casa había unha boa biblioteca e lía todo o mundo, mesmo os que non o sabían facer. Porque nas longas tardes de verán, mentres se cosía ou se lle pasaba o ferro á roupa, meu pai ou unha das miñas irmáns maiores púñanlle voz, por exemplo, a unha Historia de España. Non esquezo unha vez que unha serventa, analfabeta, protestou pola abundancia de reis chamados Afonso. Aínda así, seguía os acontecementos con atención e remataba sempre dicindo que, onde se puxera Genoveva de Bravante, que se quitaran todos os outros libros.
Mais eu coido que a miña paixón lectora arrinca dun verán que pasei na casa da miña avoa en Hospital de Incio. Desde que rematei cunha morea de libros de aventuras que andaban por alí, fun á miña maleta por Mujercitas, de Louise May Alcott. Cando mo viu a tía Paz, que era unha beata, tiroumo das mans e deu en pronunciar diatribas contra os meus pais, uns liberais, dicía, que me deixaban ler porcalladas. Daquela dediqueime a xogarlle as voltas e lin a novela nun santiamén. Como queira que non atopei nada especialmente censurábel no texto, fun cabo da tía e preguntei suíña: “E logo que ten de malo o libro que non me deixas ler?” Ela puxo cara de noxo e respondeu: “Son todas protestantes!”

Comparte nas túas redes sociais ou por email