Ensimesmados e acomplexados

Categoría: Opinión

Hai un par de semanas o Conselleiro de Cultura falou dunha Cultura Galega “ensimesmada e acomplexada”. Foron unhas declaracións pouco afortunadas, que feriron moitas susceptibilidades pero que ademáis, son erróneas. E son erróneas porque afirma algo imposible. Do mesmo xeito que ninguén pode dicir que a auga do mar é seca, tampouco se poden atribuír aqueles calificativos a ningunha cultura: nin á galega, nin á italiana, nin á tailandesa… As diferentes culturas do mundo poderán ser maioritarias, emerxentes, etc, pero nunca acomplexadas nin ensimesmadas.
O que sí hai no eido da Cultura Galega son persoas ensimesmadas e acomplexadas; e eu, nos máis de 15 anos de profesión, xa me teño atopado con algunhas delas: as que, dende a Consellería de Cultura, me ignoraron no 2007, cando fun seleccionado na Feira de Bolonia; as que, cando se fai unha selección de artistas galegos, fan primar criterios que nada teñen que ver cos culturais; as que fan ou consinten que haxa listas negras, etc…
Se hai actitudes ensimesmadas ou acomplexadas na Cultura Galega, dubido que estean nos creadores, que me consta poderían e quererían competir en calquera foro do mundo con grande orgullo e sen complexos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email