Mentres que agardaba

Categoría: Opinión

Mentres que agardaba, escollín do andel un libro. Era un tomo elixido ao chou dunha antiga enciclopedia de arte. Decidín percorrela visualmente coma quen bota a andar devagariño por unha rúa ateigada de escaparates.
Detívenme na páxina 279, seducido por unha obra de Millet, concretamente a que reproducía “A queima da restreba”.
Sempre tiven especial querenza polo traballo deste pintor. Non só pola súa execución formal, plasticidade, atmosferas, que á fin e ao cabo teñen moito de técnica, senón polo que o autor pretende comunicar: a posibilidade de percibir o que non é visible.
En “A queima da restreba”, Millet deposita o sentimento universal da muller traballadora: o peso monolítico do cansazo; a mirada tépeda coa que amosa o seu interior para dicirnos que… a alma tamén está cansa.
Quizais a casualidade, ou mesmo algunha fada, fixeron que me detivese na páxina do realismo que tan maxistralmente encarna Millet.
Tamén por un casual, estes días, encargáronme un traballo gráfico sobre a conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora. Para este labor creativo non tiven moito que argallar no meu imaxinario. Só reinterpretar. Estaba fresco o “icono” da páxina 279 daquela antiga enciclopedia de arte. Sen dúbida un gran icono, que invita á reflexión máis alá do conmemorativo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email