Estou a piques de dar remate a tradución de A Esmorga de Eduardo Blanco Amor. Vaise publicar na editorial galesa, Planet, berce das versións en inglés dunha escolma de contos de X.L. Méndez Ferrín, das Cousas de Castelao, e do Vento Ferido de Casares. Coma sempre, a experiencia de traducir un libro galego visibiliza as dificultades que aínda ten que superar a cultura galega se pretende promocionarse e difundirse a nivel global. O de menos é a necesidade dun gran dicionario universal que recolla cada palabra galega existente e as súas equivalencias en inglés. De momento, hai que contar coa axuda xenerosa dos amigos nativos, media ducia de recursos en internet, e un par de dicionarios físicos. Ou sexa, manexar un sen fin de ferramentas necesarias, mais tamén incompletas. Tendo o inglés o status que ten, traducir deste idioma non presenta tantos problemas loxísticos coma co galego. O maior problema non parece ter solución tan doada. Estou a rematar a preparación dunha clase para un curso de máster sobre unha historia da tradución dos textos galegos ao inglés, e bato de novo co devalar errático deste proceso, coa ausencia de coordinación nacional e institucional dende Galiza que dirixa este proceso. Pois ben. Xa levamos bastantes séculos deste xeito. Xa é hora de que as institucións de peso se poñan a resolver esa cuestión para evitar tantas pexas á hora de traducir do galego. Todos sabemos a realidade particular que caracteriza o país, e que por iso todos hai que adoptar medidas excepcionais a nivel institucional: coordinación, folgos e orzamento. Todo está onde ten que estar. Só hai que poñelo en xogo, e comezar unha esmorga babilónica lingüística das boas que teña, neste caso, un remate feliz.