En decembro do 2009, os da Compañía Matapiollos Teatro rematamos unha xira cunha obriña de teatro titulada a Rebelión do Monicreque. Con Marta Rivas viaxei, montei, desmontei e actuei.
Chegou o momento de descansar e de facer balance e, para min, houbo un día que non vou esquecer.
Nunha das primeiras funcións, logo de montar o decorado, unha mestra veu onda nós e explicounos que tiñan unha alumna de educación especial que ía presenciar a primeira función e que, con toda seguridade, non aguantaría a obra toda.
Comezamos e durante a hora que durou o espectáculo, a nena estivo de pé na parte de atrás da sala. Aínda que non sabíamos se lle gustara ou non, alí aguantou.
No descanso entre as dúas funcións, mentres volvíamos colocar as cousas todas para empezar de novo, entrou a mestra a dicirnos que aquela nena quería coñecer a Anteollos e Trapos, os monicreques protagonistas da obra. Deixamos que entrase e cando lle presentamos aos monicreques, aquela nena fundiuse nunha aperta con eles que, ao fin, lles deu vida fóra do escenario.
Na segunda función, cando saímos a escena, puiden ver á nena sentada na primeira fila, acompañando de novo aos seus amigos Anteollos e Trapos.
Ao mellor non era esa a fin da campaña pero, aínda que só fose por esa nena, pagou a pena.