Un epistolario reflicte a amizade entre Del Riego e Carballo Calero

Categoría: Nova

"Querido irmán", "Meu querido amigo" ou "Querido Paco". Deste xeito comezaban todas as cartas que Carballo Calero enviou durante cincoenta anos a don Paco del Riego e que agora aparecen recollidas nun libro de cartas que Galaxia saca do prelo coa colaboración da Deputación da Coruña. Montse Pena e Dolores Vilavedra foron as encargadas da compilación e edición do epistolario.

Del Riego e M. Victoria Carballo Calero foron os encargados en presentarlle o epistolario á prensa o pasado 2 de marzo de 2006 na Deputación da Coruña. A filla de Carballo lembrou a forte amizade que os unía, don Paco foi sempre o mellor amigo do ferrolano. Pola súa parte Fernández del Riego relembrou o primeiro encontro en Compostela que tivo con Carballo Calero e como se fraguou esa amizade que durou no tempo ata a morte do escritor de Ferrol en 1990.

As editoras do libro, Dolores Vilavedra e Montserrat Pena, destacaron que no epistolario se atopan todas as cartas que se conservan no arquivo de del Riego. Afirman que no libro deixaron falar aos protagonistas, por tratarse dunha historia dunha amizade que é tamén a historia do galeguismo en Galicia e o nacer da Real Academia Galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email