Máis dun centenar de personas acuden á presentación dos dous primeiros volumes da obra xornalística de Casares

Categoría: Nova

Toda a produción xornalística asinada por Carlos Casares en La Voz de Galicia, baixo o epígrafe de Á marxe, vai ser publicada por Galaxia na colección Biblioteca Carlos Casares.

O 4 de abril de 2006 en Vigo foron presentados os dous primeiros volumes da serie, os correspondentes aos anos 1992 e 1993. A columna de Casares saíu todos os días dende o ano 1992 ata o 2002 polo que a serie consta de dez títulos.

Aínda que Carlos Casares comezou a publicar Á marxe antes do ano 1992 Galaxia opta por comezar a compilación cando a sección adquire unha periodicidade diaria.

A publicación destes artigos, que Galaxia fixo en coedición coa Fundación Caixa Galicia, contou coa colaboración de La Voz de Galicia, a Fundación Carlos Casares e o Consello da Cultura Galega.

O director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes definiu a colección de artigos como "unha novela aberta, un diálogo permanente coa vida, participado cos lectores". Lembrou tamén as dúbidas que asaltaron a Casares antes de aceptar a proposta de manter ese diálogo diario cos lectores. "Logrou construír un universo propio e un relato paralelo á actualidade, pero sin a necesidade de ir pegado á noticia.
Casares é un dos máis ricos autores contemporáneos de Galicia", rematou por afirmar o director de Editorial Galaxia.

A Editorial ten a intención de completar a publicación do resto da obra xornalística do escritor ourensá, logo de rematar a serie Á marxe.

Comparte nas túas redes sociais ou por email