Ábrese o telón. Un “opinólogo” dun programa televisivo chámalle “guarra”, “puerca” e “zorra repugnante” á conselleira de sanidade catalana. Todo isto aderezado cunha comparación da situación da moralidade en materia sexual de hoxe en día coa sodomización de menores. O mestre de cerimonias está entusiasmado. O escenario fede a vertedeiro machista, a resentimento e intolerancia.
Por se isto fora pouco; condimentamos a receita: os productores do espectáculo inclínanse pola ostentación da obscenidade e síntense o bastante orgullosos da función como para destacala pola súa valentía na web correspondente.
A entrada é libre, así que calquera persoa podía achegarse a escoitar, sen límite de aforo nin de idade.
Eu mentres escoitaba estaba imaxinando outra escea: a democracia sae ás táboas e é violada por catro señores moi elegantes e iluminados que cando quedan satisfeitos colocan ben a gravata e sorrín ao público. Fan mutis e limpan as mans e o cu (por este orden) co artigo 20 da constitución. O da libertade de expresión.
Hai moito público enfadado, parece que indignado, abrendo os seus Facebooks nos teléfonos e expresando o delirante do espectáculo. Pero mentres, o circo multiplica espectadores, segue repartindo beneficios e utilizando os nosos dereitos e garantías constitucionais como trampolín para converter o seu espectáculo de soberbia nun circo romano ao máis puro estilo neroniano.