Carlos L. Bernárdez preparou para a colección LETRAS GALEGAS a Vida e obra de Xosé María Álvarez Blázquez, unha introdución á personalidade e ao contexto social e histórico da figura literaria á que este ano a Real Academia Galega dedica o Día das Letras. Trátase dun traballo miúdo, accesible para os estudantes de ensino medio sobre todo (segundo nivel de ESO e Bacharelato) e en xeral para os interesados na obra do devandito autor. Con interesante aportación gráfica, o libro fai unha viaxe pola vida e o tempo histórico de Álvarez Blázquez, presenta a significación da súa obra e escolma unha serie de textos representativos, tanto en verso como en prosa.
Outra das novidades destas datas é a recuperación de Canle segredo na colección DOMBATE, poemario que Álvarez Blázquez edita en 1976, pero que estaba escrito dende bastantes anos antes, dende 1954 polo menos, data na que o poeta recibe o Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Buenos Aires por ese mesmo texto. Iso significa que o libro, no que latexan momentos de inspiración social e existencial, mesturados con intres de forte emoción lírica, se adianta nalgúns destes rexistros a títulos tan significativos desta época coma a propia Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro (1963). Xosé María Álvarez Cáccamo, fillo de Álvarez Blázquez e tamén poeta, ademais de profesor e ensaísta literario, explícanos na introdución algúns destes interesantes detalles.
Novidade destas datas é tamén a narrativa galega completa do autor, que recollemos na colección LITERARIA baixo o título de A pega rabilonga. Os ruíns. Neste caso o libro leva unha presentación dun seu outro fillo narrador, Alfonso Álvarez Cáccamo.
Os contos ou estampas literarias que configuran "Os ruíns" publicáronse por vez primeira no derradeiro número da revista Nós (1936), número que non chegou a editarse da man de Ánxel Casal, senón anos despois, pero que xa estaba en máquinas cando estalou o levantamento militar contra a República. Daquela Xosé María Álvarez Blázquez, poeta mozo, anunciaba unhas entregas en prosa que quixeran convertirse nunha futura novela.
"A pega rabilonga e outras historias" publicouse na editorial Castrelos no ano 1971, dentro da colección de libriños de O Moucho, un dos grandes achádegos editoriais de Álvarez Blázquez. Completa a entrega narrativa outro texto algo menos coñecido: "O afillado", publicado en 1947 por Gráficas Torres en Pontevedra. O humor, a capacidade de observación de tipos humanos, a memoria da tradición, os vellos contos populares, as antigas historias, narradas dun xeito claro e directo, con estilo esmerado e cun gran sentido da economía de recursos, sempre ao servizo da comunicación eficaz, caracterizan a prosa do autor a quen este ano dedicamos o Día das Letras.