Organizado polo Casino de Santiago de Compostela, o Premio Novela Europea consolídase definitivamente como porta de entrada da narrativa estranxeira traducida para o galego coa publicación de Non me deixes nunca, a novela coa que Kazuo Ishiguro obtivo este galardón na edición do ano 2006. Editorial Galaxia, en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello de Santiago, publicou a novela na Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, colección que ten como obxectivo achegar aos lectores e lectoras galegos as novidades de narrativa publicadas nas linguas de Europa.
Entre os anteriores gañadores do Premio Novela Europea figuran Ian McEwan, Simonetta Agnello-Hornby e Anna Gavalda, con Kazuo Ishiguro consolídase a traxectoria do premio que, ademais, viu como nas súas tres últimas edicións a novela gañadora se traducía e publicaba en galego. Non me deixes nunca, recentemente publicada en inglés, é unha das obras máis salientables do autor da coñecida The Remains of the Day e conta unha historia na que xoga un papel fundamental o destino, inesperado e arrepiante, que pon de relevo a fraxilidade do ser humano fronte a un mundo aparentemente feliz.
Ishiguro concibe a novela como un relato no que as verdades ocultas manteñen o interese ata o final. O escritor inglés de orixe xaponesa elabora unha trama que, a través da voz narradora dunha das personaxes, serve para tecer a historia dun colexio exclusivo que acubilla os seus alumnos, protexéndoos do mundo exterior, no medio da idílica paisaxe campestre da Inglaterra de fins do século XX. Trátase da historia de auténticos seres escollidos, supostamente preparados para acceder á elite da sociedade británica mais aos que agarda un fado terrible. O autor alarga nesta nova novela as posibilidades da ficción cunha fábula sobre os límites da manipulación da vida humana na que a verosemellanza e xusteza do tratamento narrativo acubilla unha fonda reflexión moral.
KAZUO ISHIGURO (Nagasaki, Xapón, 1954) é un dos novelistas mellor valorados da literatura inglesa actual. Coa súa primeira novela, titulada A Pale View of Hills, obtivo o Premio Winifred Holtby e coa segunda, An Artist of The Floating World, o Premio Whitbread ao libro do ano 1986. A súa consagración definitiva chegaría coa novela The Remains of the Day, coa que obtería o Premio Booker en 1989, o de maior prestixio en Inglaterra, e que logo había ser levada ao cinema por James Ivory. Traducida á maioría das linguas europeas, a súa obra continuaría con The Unconsoled (1995) e When We Were Orphans (2000).