Hai uns días dabamos conta nesta web da presentación de Ollos de auga, de Domingo Villar, en alemán. Esta novela coñece xa distintas versións en moitas linguas e un éxito unánime de público e crítica nos diversos mercados nos que a novela pode lerse.
Hoxe, a prensa faise eco da publicación de O soño da febre do lugués Miguel Anxo Murado, en castelán. Esta obra, que xa recibiu varios galardóns, entre outros o Premio da Crítica, aparece na editorial Lengua de Trapo. Murado, que xa é un autor ben coñecido alén das nosas fronteiras, é un exemplo máis dunha literatura moderna, viva, actual, escrita co oficio necesario como para ser gorentada por todas as bocas lectoras do mundo. É, tamén, a demostración de que a literatura que se fai en Galicia quizais non é mellor que a que se fai noutras latitudes, pero non é, desde logo, peor. É literatura. Da boa e da grande. Da que paga a pena ler. Literatura sen fronteiras.