Historia social do deporte en Galicia (1850-1920)

Categoría: Nova

Na presentación, que se celebrará ás 20 hoars na Fundación Gonzalo Torrente Ballester de Santiago de Compostela, participarán Víctor F. Freixanes, director de Galaxia, Lourenzo Fernández Prieto, autor do limiar do libro, e o escritor do mesmo.

O investigador Andrés Domínguez Almansa vén de publicar o libro "Historia social do deporte en Galicia", un volume moi documentado que reflexiona arredor do arraigamento das prácticas deportivas como unha forma de cultura cívica. Para a súa confección, o autor emprega un amplo abano de fontes documentais e hemerográficas. O libro arranca das orixes e o desenvolvemento das prácticas deportivas ao tempo que nos permite coñecer o pasado do noso país.
Con el mantivemos unha animada conversa.

PREGUNTA: Por que este libro?
RESPOSTA: A verdade é que moita xente pensa, unha vez publicado, que teño un desmesurado interese pola práctica do deporte. E a verdade é que tampouco moita. O que si, interesábame reflexionar, entre outros asuntos, sobre o por que da grande afección que desde sempre hai en todas as sociedades, tamén na galega, sobre o deporte. Ao principio, a investigación foi un pouco dando paos de cego ao preguntarme de onde arrincou en Galicia, cando comeza a aparecer algo así como "interese polo deporte". Ademais, a filosofía do libro implicaba entender o deporte como un vencello dunha sociedade co mundo.
PREGUNTA: Porque vostede entende o deporte como unha forma de cultura cívica.
RESPOSTA: En efecto, así é. Coido que este é un dos achádegos da miña investigación. Desde o comezo o deporte en Galicia aparece unido a grupos moi concretos, progresistas en moitos casos, e tamén unido á idea de progeso social tan vixente no XIX. As agrupacións deportivas que empezan a nacer por todo o país artéllanse arredor da idea do progreso internacional e serve para aglutinar a todo tipo de persoas. De feito, parte deses grupos iniciáticos están vencellados ao republicanismo que, dalgunha maneira, estaban a ser desartellados despois da desfeita da primeira república. Hai un caso certamente paradigmático, que foi o Ximnasio de Vigo. Aquela asociación era todo un exemplo de progresismo. Por iso, tamén, foron duramente represaliados despois do 36.
PREGUNTA: A sensación que ten o lector é que estamos diante dun libro moi ben documentado.
RESPOSTA: Cando menos foi esa a miña idea. Tentei traballar con todo tipo de fontes. Mais atopei un problema, por exemplo, á hora de traballar cos clubes, porque hai moita información sobre os distintos títulos que foron acadando co paso dos anos, pero o que é, digamos, memoria interna, iso está desaparecido ou é inaccesible.
PREGUNTA: Quere iso dicir que aínda a día de hoxe hai reparos para falar dalgunhas etapas do pasado?
RESPOSTA: Así é. E non só iso, senón que hai documentación que está perdida. Así que houbo que recorrer á prensa da época, todo un medidor para ver como transmitía a idea do deporte e todo o asociado con el.
PREGUNTA: Unha última cuestión relacionada cos nosos días. Non ten vostede a sensación de que agora o deporte xa non é nada diso senón só competición?
RESPOSTA: Indubidablemente. Eu son afeccionado ao deporte, pero non a nivel de competición. Interésame, e por iso este libro, como forma de cultura. Antes o deporte era un xeito – ata os anos 30 – de ser culto, mais agora prima a cultura do resultado, incluso a nivel de deporte local. O deporte converteuse hoxe en día nunha especie de relixión laica. Na orixe tiña moito máis que ver cunha filosofía de participación social ou cidadá, asociado á cultura do benestar. En efecto, hoxe as cousas mudaron moito.

Comparte nas túas redes sociais ou por email