Todos mirabamos o mesmo

Categoría: Opinión

Foi un andar de outono por un anaco do camiño xacobeo. Comezaramos no Cebreiro cunha cea de acollida e dando conta, por aquilo de coller forzas e facer boca, dun cabrito ao forno en compañía de viño xeneroso e de pan mestura de trigo e centeo (lugués de todo). Catro días despois acabamos o andar en Compostela (con compostelá de cultura) con outra cea. Houbo de todo e ben. Ocorrencias, coñas ben montadas, munguidas de vacas e testemuñas do feito (medos e prudencias incluídas) e tamén encontros salientables (en Melide co maxistrado Daniel García Ramos). Foi moi de andar. Houbo tempo variado. Desde choiva e escampos a raiolas, a ceos anubados e empardecidos. Toldados. E non de moita friaxe.

 

Logo de facer a segunda noite en Portomarín, xa de mañá saímos cara a Palas de Rei (esas covas monárquicas que ver). A noite anterior houbo conto e música. E tamén canto. Collemos camiño e indo xa se facía costaneiro. Daquela notamos en Carlos un certo cansazo. Uns andaríns do grupo ían máis adiante (de avanzada) e, entendidos como eran, criticaban as infraestruturas do camiño (con crítica construtiva, ollo). Facíano ao compás dos pasos. Os máis iamos ao andar de Carlos Casares, asemade ao ben do seu falar e comento. Notabámolo un chisco máis canso ca nós. Ben que viamos como dispoñía dos tempos de recuperar. Xusto cando se debía sentir no límite do aguante, paraba, miraba ao mundo, botaba a boina un algo para atrás, apoiábase na vara e contábanos algo. Algo que nel, co seu estilo tan persoal, nin era longo, nin enredado, e si, pola contra, claro, conciso, irónico (nese humor noso, galego, do que fala Manolo Rivas e do que Carlos Casares tanto sabía e exercía normalizando o eficaz e gracioso). Algo do cotián feito literatura oral sabía (de saber e sabor, así en plan ghuai, pois para el, para Carlos, o importante non tiña marcos de medidas). Co do carterista, co do ditador Pinochet, co do seu veciño de Xinzo, co do seu mestre, coa afonía de Bernardino Graña, co seu gato e cos seus cans labradores, etc., el era directo e así, dándose moi pouco a floreos, descansando coa palabra, logo collía andar para outro conto, sucedido, narración ou ocorrencia, posta en prosa de palabra escrita no aire.

 

Nós mirabamos ao mesmo. Gozabamos dos seus marabillos textos. Mirabamos no agarimo dos afectos a Carlos Casares.

 

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email