Un dos mestres da narrativa galega contemporánea, o escritor Xosé Neira Vilas, autor de Memorias dun neno labrego, publica a súa nova novela, Esperando o leiteiro. Un monólogo sen pausas no que narra a vida dun mozo campesiño mentres agarda para iniciar a viaxe que, a mediados do século XX, o ha levar da súa aldea a Buenos Aires.
Nesta crónica dun mundo que perdemos, escrita cunha lingua vizosa e chea de autenticidade, Neira Vilas evoca con pluma maxistral as vivencias dun mozo de dezanove anos que, na década de 1950, marcha para as Américas empurrado polos que estaban alá e pola escaseza do que tiña aquí. A novela é testemuño dun mundo que se foi, o da aldea, cos seus atafegos e traballos, o seu universo, os seus costumes, a súa fala, mundo que Neira Vilas narra a través dun monologo sen interrupcións feito coas lembranzas e coas arealas do protagonista.
Na mañá, o mozo despídese dos pais e dos irmáns e, mentres, váiselle o coche de liña que o tiña que levar a Santiago, para coller logo o tren a Vigo, onde debía embarcar. Coa a maleta ao lombo, camiña sete quilómetros ata o lugar por onde pasa un pequeno camión que recolle leite e, chegado o caso, leva tamén algún pasaxeiro. Mentres agarda a chegada do leiteiro, fai un reconto da súa vida, cos seus traballos, xogos, amores, miserias e soños. Outro que tamén agarda fálalle da Guerra Civil. Finalmente, o leiteiro non chega, mais acaba marchando derriba dun camión cargado de madeira. A narración soamente cesa cando, por fin, o mozo emprende o camiño.
Esta novidade lánzase simultaneamente en edición de papel e en edición dixital. Xa se pode atopar nas librerías do país e en formato ePub nesta ligazón á web Todoebook.