Xa pasaron quince anos. Quince anos (e máis do nacemento) dun movemento literario de expresión galega en Madrid que foi chamado Grupo Bilbao e que quedou con ese nome non se sabe moi ben por que razóns. Hai moitas incógnitas arredor del, aínda que pareza mentira, como quen é parte dese grupo exactamente (moita brincadeira fixemos sobre dar un carné de membro, con foto e, certamente, con cuotas). Porén, hai uns días enchemos a libraría Aturuxo de Madrid por mor do lanzamento do libro colectivo Bilbao, antoloxía bilingüe de dez dos poetas do Grupo, publicada por Amargord. Nos días anteriores víronse fotos de todos nós hai máis de dez e até de doce anos. O programa de actos do ano 2012 non tivo nada que envexar ao realizado en calquera punto de Galiza, desenvolvido conxuntamente pola UNED, a UCM e o Espazo Ibérico das Linguas, xunto coa colaboración da libraría Aturuxo de Madrid. Ademais da homenaxe de rigor a Paz-Andrade (cunha exposición maxistral de Tucho Calvo), fíxose unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo, onde participaron algúns dos que mellor o coñeceron en Madrid, como Inés Canosa. Doutra banda realizouse un simposio sobre o Grupo Bilbao pola primeira vez na historia, onde se debateu, se confrontaron ideas e se chegou a conclusións interesantes; quedou, ademais, patente a vontade do Grupo Bilbao de continuar a ser un referente da literatura galega en Madrid, un colectivo vivo que procura o seu espazo na literatura galega (quedou tamén patente que tamén desde algún recantiño en Galiza non se ve con bos ollos que un puñado de irredutíbeis madrigalegos queiran ter un espazo de seu).
Penso que é de xustiza reivindicar nomes como o de Rafa Yáñez, Ana Cibeira ou Begoña Regueiro. Habemos ser conscientes que temos unha das literaturas máis potentes de Europa, mais coa peculiaridade de que é multipolar, onde un dos polos non é nin Coruña, nin Santiago, nin Vigo, senón Madrid. Porque en Madrid houbo e hai presenza ininterrompida de autores galegos xa desde Rosalía e esa presenza é hoxe a do Grupo Bilbao. Convídovos, de novo, a coñecer o que por aquí se coce, que por riba recende.