A escritora Teresa Moure resultou gañadora da undécima edición do Premio Ramón Piñeiro que Editorial Galaxia organiza conxuntamente coa Secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, coa colaboración de Gas Natural Fenosa e o Centro Ramón Piñeiro. En total presentáronse 12 orixinais a esta undécima edición do galardón dotado con 6.000 euros.
O ensaio premiado, que será publicado pola nosa editorial o próximo ano, realiza unha aproximación á literatura galega desde a teoría «Queer», a través dunha reflexión que transcende o literario e ten un claro potencial para incidir no debate social en Galicia. Na obra tamén se tratan os usos inclusivos da linguaxe e cuéstionase a utilidade de formas como «Boas tardes a todos e a todas», coas que se baleira o potencial transformador do feminismo.
O ensaio de Teresa Moure, que se presentou co pseudónimo de Ramón Agrelo en alusión ao cuestionamento de xénero, vai máis alá da tradición feminista para criticar a construción das categorías home/muller e desmontar tanto a tradición hetero-normativa coma a do propio feminismo.
O ensaio de Moure foi premiado por maioría por un xurado formado por Ernesto González Seoane, María López Sández, Susana Reboreda Morillo, Anxo Tarrío Varela e Carlos Lema, director literario de Galaxia. O xurado destacou a calidade media dos doce orixinais presentados, así como a variedade de temas.