Inauguración en Ferrol de NO NIÑO NOVO DO VENTO

Categoría: Nova

A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, Editorial Galaxia e Fundación Penzol, coa colaboración do Concello de Ferrol, presentan esta exposición conmemorativa do centenario de Álvaro Cunqueiro.
‘No niño novo do vento’ estrutúrase en cinco grandes apartados, que describen o universo cunqueirano a través de elementos tan íntimos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración biográfica no seu contexto histórico e vital ou a exhibición de materiais de grande valor tanto emocional como patrimonial. Un espazo audiovisual reproduce en vídeo distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais; e dous computadores con pantallas interactivas permiten a consulta de datos, fotos e bibliografía. Editouse así mesmo, como material complementario, un catálogo sobre os contidos da exposición.
Cun afán eminentemente didáctico e accesible para todos os públicos, a exposición está composta por 16 paneis de textos informativos e imaxes nos que se fai un percorrido pola vida e a obra de Álvaro Cunqueiro. En 8 vitrinas preséntase unha selección bibliográfica da súa obra galega e castelá, ademais de traducións a diferentes linguas estranxeiras, unha pequena compilación dos seus artigos xornalísticos, e unha escolma de prensa sobre as distintas etapas da súa traxectoria. Entre os obxectos que se poden atopar figuran galardóns, diplomas, os seus carnés de identidade e de xornalista, postais, correspondencia recibida dos seus amigos, axendas privadas, medallas, condecoracións, etc.
A parte máis identificativa da mostra –comisariada por María García Liñeira e Víctor F. Freixanes- é o espazo escenográfico realizado por Rodrigo Roel, que reproduce o estudio no que traballaba Cunqueiro nos anos 50 no seu Mondoñedo natal. Trátase de transmitir un efecto de intimidade dentro do ambiente de creación do escritor nunha das súas épocas máis produtivas, ao que contribúen as cartas a Paco del Riego ou os orixinais de Merlín e familia que pousan na mesa a carón da súa máquina de escribir. Tamén, diante do escritorio, están as figuras, en volume e a tamaño natural, de Merlín e Felipe de Amancia, dous dos seus personaxes máis populares.

Comparte nas túas redes sociais ou por email