Hai algúns anos, sendo unha adolescente, fun a un congreso xuvenil en Sevilla, que me deixou unha fonda pegada. Daquela, entre os recordos que puiden mercar, atopábase unha humilde pegatina co Arco da Vella, e cunha sinxela frase: “Vive para dejar este mundo mejor que cuando lo encontraste”. O texto foi un grande impacto para a ilusionada adolescente, e segue a ser un pensamento de cabeceira, “vive para deixar este mundo mellor que cando chegaches a el e atopaches este desastre”. Pensei moitas veces nesa frase, no que significa, no que querería dicir na miña experiencia se esa fora a miña actitude vital. Supoño que daquela quixen convertirme nunha cidadá exemplar, que fixera o posible por non contaminar de máis, por tratar igualitariamente a todos, por traballar arreo e superarme día a día, por ler máis, por contribuir ó desenvolvemento do meu entorno. Supoño que decidín coidar a miña saúde, votar en todas as eleccións, facer algo de exercicio, achegarme á cultura, tratar ben ás miñas mascotas e ó resto da fauna e flora do planeta. Decidín facer amigos e coidalos, relacionarme de maneira san con persoas que me axudaran a crecer, viaxar e coñecer outras xentes, e non cultivar odios nin rancores. E creo que xa daquela decidín ser unha muller ilusionada.
Pero o tempo pasou, e de súpeto descubrín que ¡¡queren roubarme algo que é meu!! Non está de moda ter ilusións, non se leva ter esperanza por seguir facendo futuro dende o presente. “Déixao ir, Esther, non perdas o teu tempo facéndoche ilusións, as cousas non poden cambiar”. ¿Cando comezou a pasar isto? ¿Por que non podo ilusionarme? ¿Por qué non podo vivir así, tentando mellorar as cousas? ¿Por que os adultos perdemos polo camiño a capacidade de decidir e de cambiar? Non farei o discurso fácil de culpar de todo ás chamadas “clases dirixentes”. Neste punto son francamente incorrecta: son maior para que decidan por min. Eu decido, eu voto, eu traballo, eu cobro, eu pago, eu quero, eu non quero, eu asumo a miña responsabilidade. Estou farta de monsergas. Eu teño ilusións, e a xente coma min quere roubarme, e tirar o botín ó lixo. Eu decido que tipo de muller quero ser, eu son muller, e eu decido. E se quero ter ilusións, téñoas. A pesares das inxustizas, das discriminacións, da dor, do sufrimento, da estulticia, da mediocridade. A pesares de todo, quero vivir con ilusión. Porque eu podo facer, como dicía a miña pegatina, que as cousas que pasan ó meu redor sexan mellores, ou, cando menos, que non vaian a peor. Aínda que iso custe rexeitamento, burlas, xenreiras, e envexa, unha fonda e noxenta envexa. Dame igual. Os sorrisos son de balde, e prefiro usalos. A laboriosidade é necesaria para o bo funcionamento do cerebro e dos músculos, prefiro usala. A ilusión é o motor dunha vida con sentido. Quero, reclamo, esixo, usala. Con tódalas súas consecuencias.