Escoller onde buscar

As sete claves

Categoría: Opinión

A Carmen Gloria López Moure

A primeira clave, para escribir ben, é namorarse das palabras, entregarse a elas en alma e corpo, porque tamén o tacto das palabras se volve pracer hedonístico e non só elevación do espírito, como crían escolásticos, idealistas e románticos.

A segunda, é facer un mesmas palabras, versificarse na poesía ou debullarse como espiga interminable na plétora da prosa: ser e consagrase humano en vogais, consoantes, sílabas, períodos, frases, oracións e metáforas onde clamen e canten e se esgacen substantivos, adxectivos e adverbios; onde os verbos canalicen o estourido da linguaxe.

A terceira, é non solicitar recompensa nin soldada por este oficio de amasar e cocer un pan sonoro feito de secas suores e fértiles soños.

A cuarta, é non agardar por musas nin inspiracións voandeiras, porque non existe máis compulsión creativa que a cotiá existencia e os seus afáns, imprecisos e a miúdo indescifrables.

A quinta, é abandonarse na procura permanente das palabras, tanto na biblioteca como na rúa, no bar como no templo, porque cada día debe un descubrir polo menos unha palabra que escintile ou emocione ou esmague ou asombre ou irmande con outras palabras, enriquecendo o colar vocálico-prosódico-conceptual que só a ti che pertence.

A sexta, é volverse amante das palabras, acariñalas, violentalas, escarnecelas, humillarse ante elas no xogo amor-odio da cópula sen pausa nin acougo, porque a resignación da vellez ou o cansazo do vencido non renovarán en ti a sementeira da linguaxe nin alentarán esa colleita sempre menor á ilusión que abriches no suco escrito.

A sétima, é a convicción das túas limitacións, conciencia de precariedade fronte a todos os oficiantes e fieis desta fe que foron antes ca ti, pequenos, discretos ou grandes, porque nada inventarás, salvo que a túa voz adquira un son inconfundible, ese que alguén chamou estilo. Se o consegues, grande será o teu gozo e segredo o teu galardón.

Comparte nas túas redes sociais ou por email